
Hai accións cotiás ou pautas coas que podes reducir o consumo enerxético en casa. É importante que as teñas presentes e as poñas en práctica, principalmente por dúas razóns: conseguirás que o importe da túa factura de luz sexa inferior e estarás a contribuír á conservación do medio ambiente.
10 pautas esenciais para o aforro de enerxía en casa: |
1. Desenchufa os aparellos!
Non tódolos aparellos eléctricos e electrónicos deixan de consumir enerxía ao apagalos. Moitas veces non é suficiente para que non haxa consumo de enerxía, debido ao stand-by ou modo repouso.
Estímase que o stand-by ou modo repouso dos electrodomésticos e dispositivos electrónicos pode supoñer do 2 ao 11% do teu gasto de luz anual. É o coñecido como consumo pantasma.
2. Moito ollo co frigorífico
Sabías que o frigorífico é o electrodoméstico que máis consome? Pois si, así que non deixes a porta aberta cada vez que vaias coller algo, nin metas comida quente nel. Tampouco é recomendable que poñas o selector de temperatura demasiado baixo.
3. Enche a lavadora e non te pases de temperatura
Para os lavados frecuentes non subas de 40 graos de temperatura, trata de xuntar roupa suficiente para encher o tambor e, cando sexa posible, utiliza programas curtos.
4. Aproveita a discriminación horaria
Se tes unha tarifa de luz con discriminación horaria (coñecida como 2.0DHA ou 2.1DHA), aproveita as horas nas que a enerxía é máis barata (de 23 a 13 horas en primavera-verán e de 22 a 12 horas en outono-inverno) para conectar os electrodomésticos que máis consomen. É unha boa práctica programar para esa franxa a lavadora e o lavalouzas.
Queres que che expliquemos con máis detalle como é a tarifa con discriminación horaria? Contacta connosco aquí.
5. Ao cociñar, utiliza a tapa e aforra os últimos minutos
Consumirás menos enerxía se, na medida do posible, utilizas a tapa nas tixolas e potas, xa que se aproveita máis a calor que se xera ao cociñar.
Tamén é conveniente apagar o lume uns minutos antes de terminar de cociñar e aproveitar a calor residual para o toque final. Especialmente se tes cociña vitrocerámica, xa que segue a desprender calor.
6. Pasa o ferro a varias pezas de roupa
Es desas persoas que só se lembra de pasar o ferro cando quere poñer unha peza de roupa e ve que está engurrada? Pois é hora de cambiar de hábito, xa que pasar o ferro a unha soa prenda non é eficiente!
Aforramos ao pasar o ferro dunha soa vez toda a roupa que lavamos e é máis eficiente empezar polas pezas de tecido delicado, que requiran menos temperatura, e seguir polas que necesitan temperaturas máis altas.
7. Ventila cada día
É importante que ventiles a vivenda uns minutos tódolos días para renovar o aire. O máis recomendable é que aproveites as horas de sol ou de maior temperatura para abrir as xanelas. Con 10 minutos ao día pode ser suficiente para que entre aire en casa, sen que baixe en exceso a temperatura da vivenda.
8. Cando sexa posible, utiliza o microondas en lugar do forno
Segundo o Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE) utilizar o microondas supón un aforro enerxético do 60%, con respecto ao forno convencional.
9. Controla a temperatura
Se necesitas poñer a calefacción, que sexa entre 19 e 21° C, que é unha temperatura agradable para esta época do ano. Cada grao que subas supón un incremento de ao redor do 7% do gasto enerxético.
10. Aproveita a luz natural
Aproveita a luz natural que entra na vivenda. Tenta realizar as actividades domésticas para as que necesites maior luminosidade nos momentos do día en que entre máis luz exterior dentro de casa.
Cóntanos, xa tes en conta todas estas pautas para o aforro enerxético? Hai algunha outra que consideres importante?